Teatro afeccionado e profesional, proxeccións, música ou monicreques son algunhas das propostas da axenda cultural do Concello de Ribadeo para o último trimestre do ano. As actividades foron presentadas este xoves pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
A edil ribadense contou que “comezamos este venres cun evento que houbo que adiar por causa dos incendios. Referímonos á presentación do libro da nosa veciña de Barreiros Lucía Ferro, que se titula En Brandán, unha novela negra, pero con moito humor e personaxes normais, en palabras da autora. Será na sala de presentacións da Casa do Viejo Pancho, como diciamos este venres, 20 de outubro, ás 20.00 horas. Teremos no mes de novembro outra presentación no mesmo lugar por desexo expreso da protagonista, a escritora arxentina de nai ribadense Ana Martínez. Ela achéganos á súa obra Federico Mediante. El Salgari español, que tamén será difundida en senllas intervencións no Consello da Cultura Galega e na Casa de Galicia en Madrid”.
Sajunrjo relatou que “este domingo iniciamos a xeira de teatro profesional. Desta vez, dentro do circuíto que para as compañías luguesas artella a Deputación de Lugo. A Compañía Solitaria do Dr. Monifate representa Batman, un home malo. Teremos tamén teatro profesional, mais desta vez colaborando coa rede da AGADIC. A Ribadeo chegará Rara Avis, da compañía tamén lucense Lilá Teatro. E neste epígrafe finalizamos coa proposta da área de Igualdade do Concello de Ribadeo que trae á actriz Iria Pinheiro e á súa Miss España, unha montaxe escénica programada ao abeiro da celebración do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres”. E engadiu que “pola súa banda Os Quinquilláns representarán a obra 100 anos do Seminario de Estudos Galegos. É unha proposta que recomendamos especialmente por canto nos ilustra sobre un período vizoso da cultura galega e do importante papel que nese xermolar do Seminario tivo o noso veciño Francisco Lanza”.
A concelleira de Cultura dixo que “tamén temos audiovisual na programación do ultimo trimestre do ano. A multipremiada Matria, de Álvaro Gago Díaz, e O home e o can, de Ángel de la Cruz, un vello coñecido en Ribadeo pois aquí rodou hai anos Os mortos van á présa. No tocante ao teatro afeccionado, acollemos na última fin de semana de outubro a XX edición da Mostra de Daniel Cortezón, que será obxecto dunha presentación dentro duns días”.
A programación cultural do Concello de Ribadeo tamén inclúe propostas para as máis pequenas e pequenos da casa: “para as pícaras e pícaros temos propostas que agardamos que lles gusten. Unha delas supón a adaptación dos Bolechas ao formato de monicreques. Chámase Os Bolechas en familia. A outra é teatro musical xa para o tempo de Nadal, La gran aventura de los Reyes Magos. Para toda a familia é tamén a programación de Nadal da EMMeD, que este ano repón o Quebranoces, da área de Danza da Escola”.
Begoña Sanjurjo lembrou que “o noso ciclo O Concello cos Coles xa comezou achegando a todo o alumnado de primaria ás artes escénicas neste mes de outubro a través dos contos de Raquel Queizás, e que haberá tamén un pase da película Matria e da peza de teatro dos Quinquilláns para os niveis superiores dos centros”.
A edil ribadense indicou que “comezaremos decembro coas XVII Xornadas Mar por Medio e coa IX edición do Festival de Jazz & Blues de Ribadeo Os dous eventos terán unha presentación propia aos medios onde se dará toda a información”.
E subliñou “a labor das entidades culturais do Concello e o que nos propoñen para este trimestre. A Coral Polifónica de Ribadeo é un piar fundamental na nosa programación ao longo de todo o ano. Neste trimestre organizan o concerto solidario a favor da loita contra o cancro, e a celebración de Santa Cecilia coa visita da Coral de Sotondrio, así como a actuación propia na igrexa de Santalla de Vilaousende. E rematarán o ano co XXVIII Festival de Panxoliñas. Outra entidade que desenvolve un importante labor de dinamización cultural durante todo o ano é a AC Francisco Lanza. Da súa man preséntase o libro editado pola Universidade de Vigo Literatura Galegoasturiana. Poesía. Prosa. Teatro, que conta entre os seus autores co profesor ribadense Suso Acevedo. Esta agrupación achéganos tamén ao tema do nazismo e dos campos de concentración onde estiveron mariñáns e mariñás. Unha charla, e unha exposición na sala de Turismo de Ribadeo, permitirannos coñecer mellor esta parte terrible da nosa historia con vestixios na nosa zona que aínda descoñecemos. E o outro esteo da programación cultural de Ribadeo é a desenvolvida pola BMMR, cos tradicionais concertos de Santa Cilla e de Aquí como en Viena”.
Sanjurjo agarda que “participedes da vida cultural do noso concello. Vémonos nos diferentes espazos”.