Talía Teatro visita Burela, dentro da Programación Cultural que a Delegación Municipal de Cultura ten preparado para este semestre. A representación terá lugar o vindeiro venres, 13 de outubro, ás 21 horas na Casa da Cultura.
Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención ao teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.
“A parábola do angazo “ é un espectáculo dirixido por Diego Rey e interpretado por Toño Cascais e Artur Trillo. No mundo hai linguas de todo tipo e tamaño. Unhas máis falangueiras, outras máis longas, algunhas tan enormes que enchen a boca, outras tan morniñas que non dan dito nada, e algunhas tan afiadas que mesmo parece que aguilloan ao falar. E entre todas elas está a nosa, a galega. Con “A parábola do angazo” quérese sacar a lingua a pacer. Bótase unha ollada ao pasado, para poder ter outra perspectiva do noso presente e mesmo mirar de esguello ao que haberá no futuro. Así , rindo a eito, poderemos tirar da nosa lingua para sacala ben fóra e demostrar que aínda ten moito que dicir.