Arrincan as actividades do Ribadeo Indiano cun obradoiro de coctelería para a hostalaría. Celebrarase o 5 de xuño no Parador de Turismo.

Este ano Concello de Ribadeo e Acisa, organizadores do Ribadeo Indiano, comezan as actividades deste evento cun obradoiro de cócteles para os profesionais do sector. Terá lugar o 5 de xuño  pola tarde no Parador de Turismo. 

Dende a organización preténdese estimular á cidadanía e aos profesionais do sector e ir creando xa a atmosfera propia das xornadas festivas que máis tarde nos acompañarán. Tamén se persegue con esta nova iniciativa aportar ao sector ideas novidosas para que poidan ofrecer á súa clientela novos combinados propios dos países de ultramar.

Esta actividade, o obradoiro de cócteles para a hostalería, terá lugar o luns 5 de xuño ás 16.45 horas no Parador de Ribadeo, e será impartido por Marcos Martínez Iglesias. Este profesional do sector foi galardoado como mellor cocteleiro en 3 campionatos galegos, en 3 campionatos nacionais, nun campionato nacional de coctelería sen alcohol e nun  campionato nacional GinTonic.

Os profesionais hostaleiros que precisen máis información poden contactar directamente coa oficina de turismo de Ribadeo ou coas oficinas de Acisa Ribadeo. Para formalizar as inscricións directamente nos seguintes correos electrónicos: info@acisaribadeo.es ou turismo@ribadeo.org. No correo deberase indicar o establecemento e o número de persoas asistentes. 

Desde a organizan subliñan que “a conta atrás para o Ribadeo Indiano 2023 comezou e durante o mes de xuño serán varias as actividades a desenvolver coa intención de crear xa ambiente e de ofrecer diferentes alternativas aos sectores implicados e á poboación en xeral”.