Ibuprofeno Teatro presenta o vindeiro sábado, 20 de maio, ás 20:30 horas 'Smoke on the water' na Casa da Cultura de Burela. A montaxe da compañía de Ibuprofeno Teatro, que toma o seu título do mítico tema da banda inglesa Deep Purple, é unha traxicomedia sórdida con música en directo ambientada no universo do rock dos 70.
O texto de Santiago Cortegoso, quen asina tamén a dirección, recibiu o Premio Mome Varela Buxán de textos teatrais no 2013 e está editado por Positivas, nun único volume xunto ao último texto de Cortegoso 'O mel non caduca'. En escena Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Rios e María Costas dan vida a uns personaxes fracasados e maltratados pola vida. Acompáñaos no escenario o músico Mon Orencio que se encarga tamén do espazo sonoro. Salvador del Río no deseño de iluminación, Pablo Giráldez 'O Pastor' no deseño do espazo escénico, Marián Bañobre no deseño de vestiario, Baia Fernández na caracterización e Carmela Bueno na axudantía de dirección e movemento escénico completan o equipo artístico.
A proposta escénica móvese entre un concerto de rock e o interior dunha casa, entre a realidade e o imaxinado, entre o que é e o que puido ser. O fracaso, a ferocidade do capitalismo cos individuos menos produtivos, a identidade do individuo fronte á sociedade, a filosofía ou o amor están presentes a través das relacións entre personaxes complexos e atrapados, que non están onde queren estar pero tampouco son quen de moverse.
A taquilla abrirase ás 20 horas na Casa da Cultura e o prezo será de 4 euros.