A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo organiza un obradoiro de risoterapia para mulleres.
A edil Mónica Freire explica que “continuamos organizando actividades que ofrezan ferramentas ás mulleres para fortalecerse. O obxectivo é brindar ás participantes un espazo onde aprender a utilizar os beneficios da risa reducindo a ansiedade e aumentando a súa enerxía para afrontar as situacións cotiás. O coidado do entusiasmo é un factor crave do empoderamento e queremos fomentalo”.
A concelleira ribadense sinala que “con esta terapia ancestral traballaremos, entre outras cousas, a autoestima, o estrés e a desinhibición. Aprenderemos a estar máis receptivas e a harmonizar corpo e mente. Parécenos fundamental continuar creando espazos de sororidade para tecer redes de apoio que empuxen a eses cambios que a nosa sociedade necesita”.
Mónica Freire engade que “o obradoiro de risoterapia está dirixido a mulleres a partir de 16 anos e será impartido polo psicólogo Sergio Trillo, con experiencia nos ámbitos de servizos sociais, a educación e rehabilitación de dano cerebral e saúde mental. Desenvolverase os martes en horario de tarde. As persoas interesadas poden inscribirse nas oficinas do CIM ou ben chamando ao 982 120739. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición .O prazo para anotarse finaliza o 26 de setembro. As clases son gratuítas e serán os días 27 de setembro, 4 e 11 de outubro na Escola Vella de Rinlo en horario de 17.00 a 18:00 horas . En Ribadeo serán impartidas na Casa do Viejo Pancho os mesmos días en horario de 18:30 a 19:30 horas”.