Viveiro acolle este venres, día 27 de maio, a celebración dos Maios grazas a unha actividade organizada de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro e o Concello, en colaboración cos colexios Lois Tobio, San Roque, Galdo, Landro e Covas.
Participarán nesta festividade preto de 600 nenos e nenas que se xuntarán na Praza Maior ás 11:30 horas, para percorrer posteriormente ataviados con motivos florais as rúas Margarita Pardo de Cela, Avda de Cervantes, Vilar Ponte, Almirante Chicarro e Pastor Díaz, volvendo para finalizar á Praza Maior, onde cantaran as cancións dos Maios e disfrutarán dun refrixerio.
“Dende o Concello de Viveiro consideramos que é fundamental fomentar e potenciar este tipo de celebracións propias da nosa cultura e tradición, evitando que se perdan e involucrando nas mesmas aos máis pequenos como garantía de futuro”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
“Trátase dunha actividade que se vén recuperando nos últimos anos, cada vez con máis participación, á que pretendemos dar continuidade co fin de recuperar esta festividade anual, que antaño se celebraba en Viveiro e en outros moitos puntos da xeografía galega para festexar o inicio da primavera”, remata.