Acisa anima ao comercio e á hostalería locais para que decoren os seus negocios e gocen do Entroido 2022.
Desde Acisa sinalan que “agora que estamos case acadando a normalidade que tiñamos antes da pandemia é un bo momento para deixar as preocupacións a un lado, para que saquemos os disfraces dos nosos baúis e nos dispoñamos a gozar do Entroido. Chegou a hora de ir retomando a tan ansiada normalidade, con precaución e con sentidiño…”.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo lembra que “para os máis pequenos da casa hai preparado un baile de disfraces, que terá lugar o vindeiro domingo a partir das cinco da tarde na discoteca Rosalar. E o martes será o desfile de Entroido de Ribadeo, que sairá ás cinco da tarde da Avenida de Rosalía de Castro, para recorrer as principais rúas de vila e rematar fronte á Casa do Concello, onde terá lugar a entrega de premios. En total vanse repartir arredor de 4.000 euros”.
Desde Acisa engaden que “desde a nosa asociación respaldamos a petición de flexibilidade realizada polo Concello a través dun Bando da Alcaldía para que o empresariado lles permita aos seus empregados e empregadas asistir ao desfile, xa sexa para concursar ou para velo pasar polas rúas de Ribadeo. É martes de Entroido, unha tarde para gozar todos e todas xuntas”.
Acisa sinala que “é tempo tamén de xuntarse arredor dunha mesa para saborear os exquisitos cocidos que poderemos atopar en moitos locais hostaleiros de Ribadeo. Podemos degustalo nos restaurantes ou encargalo e levalo para as nosas casas, ao igual que as filloas, as orellas ou outros doces destas”.
Concello e Acisa son os encargados este ano de organizar o Entroido en Ribadeo, que aínda ven marcado pola pandemia da covid. Desde a organización lembran que “para presenciar o desfile é obrigatorio o uso da máscara ao igual que tamén é obrigatoria para os participantes nesta cita. Recoméndase manter a distancia de seguridade e evitar aglomeracións”.