O Concello de Viveiro acollerá durante o mes de agosto o programa ‘Veran(e)arte’, con espectáculos culturais pensados para un público familiar, con aforos limitados e un cumprimento estrito de todos os protocolos Covid-19.
“Apostamos pola cultura segura, como xa fixemos en meses anteriores, cun programa que inclúe actividades por todo o concello para todas as idades e tendo sempre moi en conta a necesidade de extremar as precaucións”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández Noriega, explica pola súa parte que “terán cabida no programa todo tipo de expresións artísticas, desde circo, maxia, contacontos ou grupos musicias, cunha aposta moi clara pola cultura galega e local”.
O programa ten dúas modalidades, unha de espectáculos ao aire libre en espazos como os Xardíns Noriega Varela, o parque Pernas Peón, Covas ou Celeiro, e unha segunda con actividades no Teatro Pastor Díaz.
Todas as actividades serán de balde excepto o concerto familiar ‘Yo soy ratón’ (30 de agosto no Teatro Pastor Díaz). As charangas programadas actuarán exclusivamente pola mañá e farán parada só no templete da música (Xardíns Noriega Varela).
Un dos concertos programados, o de Guadi Galego o 16 de agosto no parque Pernas Peón, será inclusivo para a comunidade xorda, polo que estarán dispoñibles as mochilas vibratorias Subpac das que dispón o Concello de Viveiro. A reserva de entradas para este espectáculo comeza o día 3 de agosto. Será de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas chamando ao 676 87 77 99. Só poderán reservarse dúas cadeiras por persoa.
Todos os eventos terán aforo limitado e protocolos Covid-19, polo que será preciso chegar 30 minutos antes para evitar aglomeracións. Para os espectáculos no Pastor Díaz é necesario reservar entradas no 982 560162 ou no mail rbg.cultura@viveiro.es
‘Veran(e)arte’ traerá ao concello concertos da banda de música, teatro infantil, monicreques e contacontos. Haberá só unha actividade exclusivamente para público adulto, a obra de teatro ‘Lope en feminino’, de Antonio Travieso, o día 7 de agosto no Teatro Pastor Díaz.