A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza esta fin de semana, os días 6 e 7 de febreiro, un curso de aparatos de medida: directa, por comparación e en electricidade. O día 20 de febreiro terá lugar outra actividade destinada a persoas que están pendentes de presentarse a unha oposición e os días 27 e 28 impartirán un curso sobre aerografía e as aplicacións que ten no mundo do automóbil, das motocicletas ou dos monopatíns. A inscrición está aberta e o número de prazas é limitado.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anunciou que “esta fin de semana, o sábado e o domingo, está previsto facer un curso sobre aparatos de medida mecánicos e eléctricos. Sempre coas condicións que regula o covid de separación adecuada, ventilación, etc…”. Na cita abordaranse cuestións como o calibre en mm e pulgadas, o calibre de profundidade, os micronómetros de exteriores, interiores e de profundidade, o reloxo comparador ou o manexo do osciloscopio en voltios e amperios.
Doural engadiu que “o día 20 imos facer un curso, deseñado para xente que se vaia presentar a oposicións, sobre o tema de programación, unidades didácticas e todo ese tipo de cuestións. Este curso seguramente vai ter outro día máis, pero máis adiante, en principio a primeira cita será o 20 deste mes”.
O presidente de APAGA dixo que “a última fin de semana do mes de febreiro imos ter un curso de aerografía. Está aberto a todo o público, rapaces, para calquera que queira participar. Terá dous días de duración e abordarase o tema de aerografía en distintos equipos como pode ser no automóbil, nas motocicletas, nos monopatíns e ata a utilización de aerografía no corpo humano”.
Álvaro Doural sinalou que “todos os cursos teñen prazas limitadas, cun aforo máximo de oito persoas. A información témola no correo habitual, en apagaribadeo@gmail.com, no teléfono 639 88 49 45 e na nosa páxina web, www.apaga.es. Estas son as actividades programadas para este mes de febreiro e estase traballando agora no plan de marzo e de abril. Esperamos que poidamos contar con outras condicións máis favorables de traballo e desenrolar a actividade formativa con normalidade”.