Ademais das súas pizzas “made in Galicia”, os “Xoves de Tapeo” son outro dos principais signos de identidade de Galipizza. Despois de 15 anos celebrando o seu tapeo dos xoves, esta semana ofrece as súas tapas semanais con servizo a domicilio por primeira vez na súa historia.
A marca viveirense Galipizza, que foi pioneira do tapeo dos xoves alá pola prehistoria do ano 2005, da un paso máis na súa evolución empuxada polas condicións actuais da Covid19: o tapeo a domicilio.
“Son tempos extraordinarios que requiren tamén medidas extraordinarias, así que imos probar esta semana en Viveiro e Ribadeo, con vistas a poñelo en marcha tamén no resto dos nosos locais”, asegura José Manuel Vázquez Leman, xerente de Galipizza.
Así pois, por primeira vez nos seus 27 anos de historia, Galipizza servirá este xoves o seu tapeo a domicilio nas localidades de Viveiro e Ribadeo. A oferta gastronómica desta semana consiste nunha mini “Galipizza de ovos rotos con champiñóns, xamón e chistorra” ou unha tapa de “Escalopíns de porco á pementa”.
O pedido mínimo será de 2 tapas, ao seu prezo habitual de 2 euros cada unha, e unha consumición de bebida, amais do pago dun euro polo reparto.
Outro local do Grupo Galipizza, a Dékada, situada en Covas (Viveiro), tamén se une a esta promoción, e ofrecerá a domicilio as súas tapas de “Tetiña de raxo, beicon e queixo” e “Pizza quesadilla” nas mesmas condicións de pedido.