A FCAM pon en marcha unha campaña de concienciación para que a cidadanía adiante os horarios das ceas nos restaurantes e tamén para que leve a comida para a casa. Deste xeito o comercio da Mariña pretende apoiar ao sector hostaleiro.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, explica que “o que queremos desde o comercio é estar a carón da hostalería da nosa comarca nun momento que é especialmente complicado para todos. Dadas as circunstancias temos que mudar os nosos hábitos durante unha tempada, por iso apostamos por concienciar e concienciarnos da necesidade de adiantar un pouco o horario das ceas para poder disfrutar con tranquilidade das propostas gastronómicas da nosa hostalería e para volver á casa cedo, tal e como manda a normativa en vigor neste momento”.
E engade que “hai ademais establecementos de restauración na nosa comarca que contan con servizo a domicilio ou nos que podemos facer os encargos e acudir a recollelos. Pensamos que debemos continuar coas nosas vidas e que si nos apetece saír cear que o fagamos cambiando un pouco os horarios aos que estamos acostumados. E senón hai que lembrar que contamos coa opción de encargar a saborear esa exquisita gastronomía nas nosas cosas”.
A Federación de Comercio A Mariña tamén anima “a adiantar as compras de Nadal, a non deixar todo para última hora. Contamos cun comercio local importante en toda a comarca, que nos precisa máis que nunca. Podemos achegarnos ás tendas de confianza a mercar os nosos agasallos ou podemos empregar as plataformas de venta online coas que contan algunhas asociacións da Mariña ou algúns negocios a nivel particular. A golpe de click nesta comarca podemos atopar todo o que precisamos para este Nadal”.
José Carlos Paleo insiste en que “para que as nosas vilas sigan a ter vida todos temos que implicarnos e loitar polo que temos máis cerca. Unidos e apoiándonos uns aos outros conseguiremos que esta travesía sexa algo máis doada”.
Coa FCAM colaboran nesta campaña a Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.