Esta mañá procedeuse ao izado das bandeiras azuis nas praias de Ril, A Marosa e O Portelo. Ademais Ril adheriuse á rede galega de Praias sen Fume. Trátase da primeira vez que un areal do concello forma parte desta iniciativa. Ao acto desta mañá asistiron o alcalde, Alfredo Llano, xunto aos concelleiros de Medio Ambiente, Turismo, Servizos Socias e Inmigración, Toñi Eijo, Ramiro Fernández Rey, Carmela López e Noelia María Ben.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “esta mañá procedemos ao izado das bandeiras azuis nas praias de Ril, A Marosa e O Portelo, que son nas que conseguimos a bandeira azul. Este galardón é un premio, un selo de calidade, que se outorga ás praias que reúnen certos criterios de excelencia, seguridade e calidade. Xa levamos moitos anos recibindo estes distintivos, o que indica que cumprimos cos criterios que bandeira azul considera oportunos sobre todo no que respecta á calidade da auga e á seguridade dos bañistas”.
A edil burelesa subliñou que “ademais tamén aproveitamos a ocasión para izar a bandeira de Praia sen Fume en Ril. Esta é a primeira vez que algunha praia de Burela se adhire á rede galega de Praias sen Fume. Esta adhesión non ten un fin recadatorio senón educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente sendo o seu cumprimento voluntario”.
Toñi Eijo dixo que “os obxectivos de Praias sen Fume son promocionar unha vida sen tabaco, desnormalizar o consumo do tabaco na sociedade, reforzar o papel modélico positivo dos país e nais, formar unha rede galega de praias libres de tabaco e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente. Aquelas persoas que prefiran estar nun areal no que non haxa fume de tabaco, a praia ideal para iso en Burela sería a de Ril”.
A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “este ano o Concello de Burela fixo un esforzo por informar a todos os usuarios das praias de como hai que usalas debido á situación que estamos vivindo co Covid-19. Puxemos carteis nas praias e pegatinas nas explicando cales son as medidas. Ímolos cambiando segundo van variando as normas que son aplicables en cada momento. Apelamos ao sentido común dos nosos veciños e das nosas veciñas para cumprir as normas con obxectivo de garantir a súa seguridade e a súa saúde”.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, pola súa banda manifestou que “queremos dar unha esperanza e un motivo de alegría, e que se desfrute do que temos, aínda que non nos podamos mover para outros concellos, pero si temos no noso moito que compartir e moito co que desfrutar. Hoxe izamos as bandeiras azuis nas praias de A Marosa, de Ril e de O Portelo e estas bandeiras dan unha confianza de que temos un bo servizo e unhas augas excelentes. Animamos pois á xente a que vaia e desfrute dos areais, desde logo de acordo cos protocolos de prevención do Covid. Penso que estamos no momento e hai que facelo, que nos vai ir a todos moito mellor, que nos dea optimismo para afrontar o futuro, e creo que entre todos, compartindo ese futuro, vai ser moito máis doado”.