Mar aberto: fuxidas marítimas en Ferrol e Ortegal 1936-1939 é o título da 2ª entrega dos Vídeo Faladoiros, que organiza a asociación Nordés. Será o 25 de abril.

A segunda entrega dos Vídeo Faladoiros, que organiza Nordés para facer máis levadeiro este tempo de illamento, será o 25 de abril ás sete da tarde.

Desde a asociación Nordés explican que “nesta ocasión contaremos con Eliseo Fernández, experto na historia de Galicia, principalmente en temas referidos ao anarquismo, o antifranquismo e o movemento obreiro. Baixo o título de Mar aberto: fuxidas marítimas en Ferrol e Ortegal 1936-1939, vainos dar conta dalgunhas das moitas evasións por mar que se produciron nos anos da guerra civil e posguerra. Fugas nas que homes e mulleres contrarios ao bando franquista intentaban chegar á zona republicana ou a Francia a bordo de pequenas lanchas, bous ou barcos semellantes partindo de moitos sitios da costa galega; aínda que a exposición do noso convidado centrarase principalmente nas producidas dende Ares, Cariño e Espasante”.

E engaden que “coma na anterior ocasión, o relatorio proponse de dúas maneiras distintas, unha que permite a presenza virtual en directo empregando a plataforma "Jitsi Meet" tendo a oportunidade de plantexar cuestións ao rematar o seu faladoiro; e unha segunda, a través da canle de Youtube de Nordés, con emisión en directo e en diferido. Para a primeira das opcións, mantemos o requisito da inscrición previa. Tamén a proba da plataforma o día antes (venres 24) co obxectivo de corrixir por adiantado erros de funcionamento que puidesen afectar á emisión en directo”.

Desde Nordéns sinalan que “podedes apuntarvos antes do venres 24 ás 14:00 horas mandando mensaxe ao correo asociacion.nordes@gmail.com ou ben chamando/ mandando mensaxe de Telegram a Luis ao 620417848”.