A ópera volve a Burela o 8 de marzo. Será con Rigoletto de Verdi a partires das sete da tarde na Casa da Cultura. As entradas saen á venta esta semana, a través da plataforma ataquilla.com. O concelleiro de Cultura, José Díaz, anima aos veciños e veciñas de Burela e da comarca da Mariña a achegarse a disfrutar deste espectáculo. É a quinta ópera da que gozará a localidade.
O edil burelés anunciou que “o próximo 8 de marzo, que coincide en domingo ás sete da tarde, imos ter unha vez máis, e é a quinta vez, unha ópera en Burela. Neste caso a compañía segue sendo a mesma que en todas as ocasións, porque estamos contentos con eles e coa calidade que nos traen, e será Concertlírica que nos traerá Rigoletto, unha ópera de Verdi que é unha das grandes e máis coñecidas, tanto de el como doutros autores”.
José Díaz explicou que “é unha ópera en tres actos. Vai haber dous descansos, un despois do primeiro acto e outro despois do segundo. O tempo total de ópera será arredor de cento cincuenta minutos. A compra de entradas vai ser igual que outras veces, a través da plataforma de ataquilla.com. O prezo consérvase, igual que todas as anteriores ocasións, en 18 euros en platea, 15 en anfiteatro 1 e 12 euros en anfiteatro 2. O día mesmo do evento haberá venta tamén na billeteira e neste caso o prezo será de 20 euros en platea, 18 en anfiteatro 1 e 15 euros en anfiteatro 2. Sempre recomendamos a todas aquelas persoas que saiban que poden asistir que compren as entradas por anticipado para aforrar algo de diñeiro. Son butacas numeradas”.
O concelleiro de Cultura agarda que “funcione igual que todas as veces anteriores, que volva encherse o auditorio. Sempre que temos ópera en Burela conseguimos eses cheos grazas á xente de toda A Mariña e de fora. Pensamos que é un bo día ese domingo 8 de marzo, así que invitamos a todos a asistir a este tipo de espectáculos que non temos a sorte de poder gozar con demasiada frecuencia na zona nosa da Mariña”.