A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo organiza un ciclo de seminarios sobre Administración Electrónica, que se celebrarán os días 6, 11 e 18 de febreiro.
Estes seminarios serán emitidos desde a aula a través de vídeo conferencia. As prazas son limitadas e para participar é preciso facer a inscrición na web do CeMIT, na propia Aula CeMIT ou no número de teléfono 982 120 732.
O ciclo dará comezo o 6 de febreiro co seminario Como obter a túa sinatura dixital (FNMT). Desenvolverase en horario de 10:30 a 11:30 e abordaranse cuestións como que é a sinatura dixital, como obtela, as súas utilidades e como verificar un documento asinado dixitalmente.
O segundo seminario será o 11 de febreiro, de 10:30 a 11:30 horas e tratará sobre Como usar o DNI electrónico e o DNI 3.0 (lector e smartphone). A actividade abordará a seguinte temática: diferenzas entre o DNI electrónico e o DNI 3.0, elementos necesarios para utilizar o novo DNI, que é a tecnoloxía NFC e para que serve e a utilización de lectores e de teléfonos intelixentes para utilizar o DNI 3.0.
O último seminario terá lugar o 18 de febreiro, versará sobre Trámites online con certificado dixital e desenvolverase en horario de 10:30 a 11:30. A temática abordará como instalar o certificado dixital, onde usalo, como facer a solicitude do borrador IRPF, consulta do rexistro da propiedade, aprazamentos de débeda con Facenda, solicitude do certificado de retención IRPF, pago de impostos como IBI ou vehículos, e empadroamento, entre outros.
Esta actividade está organizada pola Aula CeMIT, o Concello de Ribadeo e Fegaus.