O salón de plenos do Concello acolleu unha xuntanza/concentración como acto de repulsa contra a violencia de xénero. Alí gardouse un minuto de silencio polas mulleres asasinadas ao longo deste ano. A continuación tivo lugar a proxección dun vídeo para sensibilizar aos asistentes sobre esta problemática social. Nos actos que tiveron lugar no Concello participaron xogadoras do Burela FSF. Tamén esta tarde foron entregados os premios aos gañadores do VIII Concurso e Microrrelatos e do IV Concurso de Lemas, organizados polo Concello para celebrar o día internacional contra a violencia de xénero. Macarena Ledo e José Díaz foron os gañadores do Concurso de Microrrelatos deste 2014 e José Mª González Pajón, usuario da Fundación Eu Son foi o gañador do Concurso de Lemas.
O que el elixiu foi Nacemos para querernos, non para mancarnos. Ademais as mulleres que participaron nos últimos cursos que puxo en marcha o Concello recolleron hoxe os seus diplomas acreditativos. Como remate da tarde,o alcalde, José Mª González Barcia, foi o encargado de dar lectura ao manifesto conmemorativo desta data. Durante a mañá o Concello distribuíu pegatinas, lazos de cor morada e tamén a publicación realizada cos microrrelatos gañadores do ano 2013. E á entrada do Concello colocouse un libro de sinaturas onde os que o desexaron puideron deixar a súa opinión e as súas verbas contra esta lacra social.