Na II Gala do Deporte do Concello de Ribadeo, que se celebra este martes, 30 de xuño, serán premiados 234 rapaces en dez modalidades deportivas.

Na II Gala do Deporte do Concello de Ribadeo, que se celebra este martes, 30 de xuño, serán premiados 234 rapaces en dez modalidades deportivas.
 
Mañá, martes, celébrase a II Gala do Deporte, que organiza o Concello ribadense. Será a partir das 21:30 horas no pazo municipal de deportes. En total serán premiados 234 rapaces e rapazas de 10 modalidades deportivas. O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Fernando Suárez, e polo novo concelleiro de Deportes, David Rivas. 
O rexedor dixo que “é a segunda vez que facemos esta Gala, quedounos moi bo sabor de boca o ano pasado cando intentamos xuntar a todos os rapaces e rapazas que en torneos e competicións tiveron algún tipo de recoñecemento: que gañaron ou que quedaron subcampións, etcétera. Pretendemos facelo así porque se facemos recepcións esporadicamente a algúns sempre quedarían outros equipos. Pero o Concello de Ribadeo ten que tratar a todo o mundo por igual e polo tanto queremos facer unha vez ao ano un recoñecemento tamén de fin de tempada e de fin de curso, sobre todo para os máis pequenos”.
Suárez Barcia manifestou que “este Concello está moi orgulloso de favorecer o deporte base, pois hai que ter en conta que nas escolas deportivas municipais que promove o Concello de Ribadeo aproximadamente a metade de todos os nenos e nenas de Ribadeo entre 4 e 14 anos participan nalgunha das especialidades das escolas deportivas municipais. Estamos incrementando un deporte base multidisciplinar traballando con esforzo e agora con sabia renovada por parte do novo compañeiro do goberno municipal”.
David Rivas, o novo concelleiro de Deportes, sinalou que “esta segunda gala do deporte preséntase como unha continuación da primeira, do ano pasado, e vemos que afortunadamente non só temos máis deportistas, nenos e nenas galardoados, senón que ademais temos máis disciplinas deportivas que están competindo a moi bo nivel, tanto provincial como nacional e mesmo estatal. Isto da boa mostra do excelente estado de saúde do que goza o deporte base ribadense”.
En total serán 234 os premiados e premiadas de dez modalidades deportivas distintas: atletismo, baloncesto, billarda, fútbol sala, fútbol, piragüismo, remo, pádel, tenis de mesa e ximnasia rítmica.