O CD Burela FS Pescados Rubén presentou onte pola tarde a Iván Cao Valle, máis coñecido como Lucas, como novo adestrador do equipo de Primeira División RFEF ata finais de tempada. Coa presenza do presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, o novo técnico, ata esta semana á fronte do filial masculino de Terceira División, amosouse moi ilusionado coas novas responsabilidades: “Para min é un gran reto. Agradezo esta posibilidade que me está dando o club; é miña primeira grande oportunidade á fronte dos bancos e quero responder á confianza que deposita en min coa máxima ilusión”, comentou o focego, de 33 anos, na súa posta de gala.
Os directivos laranxas avalaron as novas obrigas de Lucas. “É un profesional da casa con ampla experiencia en todas as categorías da nosa estrutura” explicaba Manuel Blanco, destacando que “con esta aposta recuperaremos ganas e ilusión para seguir loitando e traballando cun gran bloque con marxe para seguir evolucionando”.
Duelo irmandiño de altura
O CD Burela FS Pescados Rubén estreará adestrador en liga cun duelo irmandiño de altos voos. As laranxas, pechando o podio (37 puntos), visitarán mañá a pista do segundo clasificado, Cidade das Burgas (42); o derbi arrincará ás 17.00 horas, no pavillón ourensán dos Remedios.
As burelistas enfróntanse a un rival ao que sucumbiron na primeira volta, con 0-5 en Vista Alegre, e ao que se impuxeron máis recentemente nas semifinais da Copa Galicia (1-2). “Será un partido complicado. O Cidade é un rival con xogadoras moi boas individualmente, como Iria e Vanessa, ademais dese plus de ímpeto tan importante en calquera grupo que achega Lucía” analizaba o novo adestrador.
Á fronte do equipo dende o mércores, Lucas encara a cita galega cun “bloque que me demostrou moitas ganas e moi boa resposta durante os poucos adestramentos desta semana”. O técnico irradia confianza e optimismo, o principal acicate, baixo a súa perspectiva, para recobrar a boa liña nos resultados, comezando polo compromiso de Ourense: “Confío nas novas ilusións para facer fronte a un gran rival. Temos que aproveitar esta nova dinámica, estes novos aires para facernos co encontro; aposto por un grupo intenso, sen deixar marxe de movemento ao rival, cunha defensa solidaria e verticalidade en ataque” definía así Lucas, con estas pequenas pinceladas, o proxecto burelista baixo a nova batuta.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 17. Maite, 14. Bea Mateos, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã