A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, será a encargada de inaugurar a XVI Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará na nave de redes do 14 ao 17 de de maio. O evento foi presentado este mediodía en Burela polo sector pesqueiro e polo alcalde e presidente da Fundación Expomar, José Mª González Barcia.
O rexedor contou que “acabamos de presentar no barco museo Reina del Carmen a 16ª da feira monográfica náutico pesqueira Expomar, que se vai celebrar en Burela, en concreto na nave de redes, desde o día 14, xoves, deste mes de maio ata o 17, domingo”.
González Barcia indicou que “a feira está previsto que sexa inaugurada pola conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo, o xoves e que sexa clausurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde. A Xunta de Galicia colabora de forma moi activa coa Fundación Expomar para a celebración desta feira; de feito as axudas económicas que temos da Xunta de Galicia veñen en dúas direccións: unha da Consellería do Medio Rural e do Mar, que ao mesmo tempo tamén nos presta soporte técnico; e outra da Consellería de Economía a través dunha subvención con carácter competitivo do Igape”.
O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar dixo que “hai novidades importantes con respecto a outras edicións, que se centran fundamentalmente en aspectos de aplicación das novas tecnoloxías, de innovacións técnicas e tecnolóxicas ao mundo da pesca: o uso da banda ancha para as comunicacións, xa que agora os barcos teñen que transmitir moitos datos a terra antes de chegar a porto; e unha exhibición de drones vinculados coa construción naval. Polo tanto creo que estes aspectos, xunto con outros que van chegar fundamentalmente en canto á seguridade, son cuestións que hai que ter en conta para vir a Burela durante estes días, desde o 14 ata o 17 da próxima semana”.
Para José Mª González Barcia “Burela non se entende sen o sector pesqueiro e neste caso concreto creo que Burela non se entende sen Expomar, que é un referente dentro do sector náutico pesqueiro non soamente en Galicia senón tamén na cornixa cantábrica e atreveríame a dicir que en toda España, porque aos encontros profesionais veñen representantes incluso de confrarías do sur da Península Ibérica, de Andalucía e do arco mediterráneo, así como representantes de organizacións de empresas pesqueiras para debater sobre a súa situación e o seu futuro. Polo tanto creo que somos un referente e de feito feiras tan importantes como Navalia ou Sinaval, en Vigo e en Bilbao, téñennos en conta á hora de confeccionar os calendarios anuais das feiras. Creo que é para estar satisfeitos se a iso lle unimos que este ano hai máis expositores e máis firmas que na anterior edición, celebrada en 2013”.
González Barcia tamén fixo unha reivindicación “como presidente da Fundación Expomar é como alcalde teño moi claro que Burela ten vivido do mar, vive do mar, pero quere seguir vivindo do mar e, polo tanto, apostamos decididamente polo apoio ao sector pesqueiro. E facémolo dicindo alto e claro que queremos que se garanta a continuidade do sector pesqueiro. En definitiva, queremos que os mariñeiros, que os armadores, que os barcos poidan seguir pescando, que é o que queren, porque ninguén mellor ca eles sabe preservar os recursos mariños, como está o seu presente e como afrontar o futuro. E nestes momentos nos que a situación económica non é a máis doada para todos o que hai que facer é manter, polo menos, a actividade empresarial pesqueira para así manter os postos de traballo e que non se xere máis desemprego. E nese sentido eu creo que non pode quedar ningún barco atracado ao peirao en base a algunhas disposicións ata certo punto atípicas ditadas pola Unión Europea. Eu espero que se restableza a cordura para garantir a actividade das empresas pesqueiras e o traballo do mar, ademais de poñer as condicións necesarias para que este teña futuro”.