Do 11 ao 16 de xullo celebrarase en Burela a cuarta edición do campus de fútbol base "Máis que fútbol", que organiza Imdecum.

Do 11 ao 16 de xullo celebrarase en Burela a cuarta edición do campus de fútbol base "Máis que fútbol", que organiza Imdecum.
 
A cuarta edición do Campus de Fútbol Base ‘Máis que Fútbol’ de Burela reunirá a todas as xeracións de fútbol da localidade entre o 11 e o 16 de xullo. Así o deron a coñecer esta mañá no complexo deportivo da Marosa, escenario do clínic, Juanma Marrube, coordinador da iniciativa dende a Fundación Imdecum, e o presidente e o vogal da AFD Porto de Burela, Jesús Manuel Ares e Iván Cancio, que estiveron acompañados polos presidentes da SD Burela e SD Burela Veteranos, Alberto Rega e Raúl Rouco, xunto ao concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
 
“Os verdadeiros protagonistas serán os nenos/as pero teremos o privilexio de que os tres clubs, de tres xeracións diferentes, poidan participar no campus para compartir sabedoría, experiencias e anécdotas cos máis pequenos” explicaba Juanma Marrube na presentación de “Máis que Fútbol”, agradecendo a colaboración tanto das tres entidades coma do Concello, ademais do apoio do CD Burela FS Pescados Rubén e de Gadis, “sen os que esta cita non sería realidade”. Dende a Área de Deportes, Ramiro Fernández, aplaudiu a firme aposta da Fundación pola base: “Imdecum está traballando pola base dende hai anos tanto na promoción da práctica deportiva coma na súa formación; para o Concello é unha prioridade o deporte de base por iso intentaremos colaborar sempre, na medida das nosas posibilidades”. 
 
Ao longo de 6 días os rapaces/as de entre 5 e 14 anos (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete) terán a oportunidade de coñecer máis sobre o fútbol sen deixar de divertirse, compatibilizando adestramentos, campionatos de precisión, pase, tiro..., torneo interno, con piscina, talleres de ocio, a práctica doutros deportes e visitas de interese. Situacións de colaboración-oposición, mobilidade e cambio de roles e toma de decisións serán algún dos temas que se aborden ao longo do clínic, con sesións específicas.
 
Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto ata o mércores 6 de xullo. O prezo por alumn@ será de 130 euros (110 € para AFD Porto de Burela e ED Burela FS), incluíndo actividades en xornada de mañá (10.00-14.00) e tarde (17.00-20.00) e aperitivo de media mañá e merenda. As familias que apunten máis dun nen@ terán un 20% de desconto a partir da segunda matrícula. Abanca: ES90 2080 0109 1630 4002 6828
 
Máis información en :
982888610//696831563
Avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela
 
Axenda estival
Esta será a segunda edición para Imdecum á fronte do Máis que Fútbol de Burela. A Fundación mariñá xa ten en marcha tamén outra cita de formación de base para o mes de xullo, o 3º Campus Mixto de Fútbol Sala y Fútbol Cangas del Narcea, que terá lugar entre os días 25 e 30 na localidade asturiana.