Continúa o Mes da Maxia os días 20 e 21 de novembro en restaurantes de Cervo, Viveiro, Mondoñedo e O Vicedo.

Continúa o Mes da Maxia os días 20 e 21 de novembro en restaurantes de Cervo, Viveiro, Mondoñedo e O Vicedo.
 
O venres e o sábado, 20 e 21 de novembro, respectivamente, continúa en catro restaurantes da comarca a cuarta edición do Mes da Maxia, organizada pola Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta. En total participan 20 restaurantes nesta iniciativa, xa consolidada entre as propostas de outono da comarca. 
O venres, 20 de novembro, haberá menú máxico no Restaurante Buenavista, en Cervo. Alí os que acudan poderán degustar embruxo do mar (croquetas e paté de ourizo), pedras mariñas (rodaballo con améndoas), feitizo da terra (redondo de tenreira en prebe de mazá) e o truco da chistera (copa de tiramisú). Actuará o mago Pedro Bugarín.
Ese mesmo venres tamén haberá menú máxico no Restaurante Panorámico As Sirenas, de Viveiro. Os asistentes degustarán lingua de mar embravecido (croquetas artesás de marisco e crema de chícharos verdes con crocante de xamón), sombreiros de meiga (brandada de bacallao en pasta brick con mollo de pimentos do piquillo), pedras filosofais (xarrete de tenreira grellado con variedade de verduriñas dos nosos hortos) e lingua de sangue (tarta de queixo ao forno do noso obradoiro con froitos vermellos). Neste establecemento actuará o mago Teto.
Xa o sábado, 21 de novembro, haberá menú máxico na Casa da Penela, en Mondoñedo. Este establecemento terá lista unha cea de embruxo da terra (hoxaldre de porros e brocheta de verduras), feitizo mariño (pescada en mollo), as moedas de Xudas (carne en rollo) e báculo do Mago Merlín (filloas recheas). Os trucos de maxia correrán a cargo do mago Teto.
Finalmente, o restaurante Area Grande, de O Vicedo, ofrece un menú máxico composto por chantatachán (pataca rechea e banderilla), maxia do mar (polbo con ameixas), hocus pocus (habano de tenreira) e apócima druida (crema de queixo). Os nenos disporán dun menú infantil por 10 euros. Actuará neste caso o mago Rafa.
O prezo dos menús máxicos mais actuación é de 25 euros por persoa e inclúe as bebidas: auga mineral, viño tinto ou branco, café ou infusión. As cenas darán comezo ás dez da noite. 
O calendario de actuacións pode consultarse na páxina web: www.mesdamaxia.com As reservas poden facerse directamente nos restaurantes participantes, como mínimo, con 24 horas de antelación. O Mes da Maxia conta co patrocinio de Pazo do Mar e de Distribuciones Carreiras.