Burela celebra o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller con Diversos Actos: un seminario, unha pancarta, unha concentración e a lectura dun manifesto.

 

Burela celebrará o 25 de novembro cun seminario, unha pancarta, unha concentración e a lectura dun manifesto, entre outras actividades, que deu a coñecer no día de hoxe a concelleira de Igualdade, Diana Durán. O  24 de novembro a antiga biblioteca será escenario do II Seminario sobre Violencia de Xénero, que organiza o Concello xunto a asociación Mulleres en Igualdade Burela. A cita xirará entorno á Mocidade ante a violencia de xénero.

Xa o 25 de novembro desenvolverase o acto institucional para conmemorar o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Segundo explica a concelleira de Igualdade, Diana Durán, “ao longo da mañá distribuiremos por Burela lazos de cor morada e tamén a publicación realizada cos microrrelatos gañadores do ano 2013. Colocaremos na entrada do Concello un libro de sinaturas onde aquelas persoas que o desexen poderán deixar a súa opinión e verbas sobre esta lacra social. Ademais haberá unha mesa informativa, promovida por Mulleres en Igualdade Burela, onde entre outras informacións serán repartidas guías de corresponsabilidade, manuais de prevención do acoso por motivo de xénero no traballo, manual de prevención de violencia de xénero e boas prácticas, etc”.

 

 

 

Para as 18 horas do 25 de novembro está prevista unha xuntanza/concentración no salón de plenos do Concello como acto de repulsa contra a violencia de xénero. “Alí todas as persoas que nos reunamos gardaremos un minuto de silencio polas mulleres asasinadas polas súas parellas, en mostra de apoio ás vítimas e como acto de repulsa a esta lacra. Tamén se proxectará un vídeo para sensibilizar sobre esta problemática social”, engadiu Diana Durán. A continuación terá lugar a entrega dos premios aos gañadores do VIII Concurso de Microrrelatos e do IV Concurso de Lemas, así coma os diplomas acreditativos de asistencia ás mulleres participantes nos últimos cursos que o Concello organizou para elas. O acto pecharase coa lectura dun manifesto a cargo do alcalde, José Mª González Barcia.

Xa hai semanas que a Concellaría de Igualdade ven desenvolvendo diversas actividades para conmemorar o 25 de novembro. Durán lembrou que “xa proxectamos o documental Muller (es) Muller nos IES Monte Castelo e Perdouro, así coma unha master class co alumnado dos centros. Temos en marcha desde o pasado 3 de novembro e ata o 1 de decembro un curso de fotografía para mulleres e o 5 deste mes impartimos outro de creatividade e as mozas e os mozos de Burela de entre 14 e 18 anos participaron nun cásting para gravar unha curtametraxe pola igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero. E ademais temos en marcha os concursos de Microrrelatos e de Lemas”.