O 15 de outubro ás 20:00 horas na sala de exposicións do complexo Regalxunqueira de Viveiro, terá lugar a inauguración da mostra de Xavier Magalhâes titulada A cor da paixón e a paixón pola cor.
Este pintor galego-portuxés, nado en 1953, mantivo unha grande amizade con Laxeiro con quen comezou a súa formación no mundo da arte e quen impulsou as súas primeiras obras que empezou a expoñer na década dos 90.
As obras de Xavier Magalhâes caracterízanse por ter sido traballadas con tintas de cores sobre papel utilizando pinceis anchos para conseguir trazos enérxicos. Con elo constrúe un mundo de figuras esquemáticas, de raíz neocubista e emparentadas coa pintura francesa de Grommaire.
A mostra A cor da paixón e a paixón pola cor permanecerá no complexo Regalxunqueira de Viveiro ata o 30 de outubro.