O grupo lucense Achádego Teatro presenta en Burela O barco sen mariñeiro, unha adaptación propia da obra de Alejandro Casona La barca sin pescador. A representación terá lugar o 29 de outubro ás 19:30 horas no Auditorio.
O barco sen mariñeiro, dirixida a todos os públicos, foi estreada o 26 de maio do 2015 no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. A peza en tres actos foi representada por primeira vez no Teatro Liceo de Bos Aires o 24 de agosto de 1945, pero calquera podería crer que foi escrita no momento actual posto que os feitos que nela se relatan responden totalmente á problemática vixente. O barco sen mariñeiro enfrontará o complicado mundo das finanzas co sinxelo dos mariñeiros que se realizan no seu traballo en contacto coa natureza. A dirección da obra corre a cargo de Antón Sampaio.
Achádego Teatro nace en 1988 e desde entón ten realizado decenas de montaxes de sala ademais de rúa, de vídeo e televisión, e de colaborar en varias citas da Semana de Cine de Autor de Lugo. A súa directora, Tareixa Campo, comenta que Burela é unha actuación especial porque a obra O barco sen mariñeiro conta coa colaboración das redeiras de Burela, e é unha auténtica homenaxe ás xentes do mar e ás localidades que viven de cara el como Burela.