Esta mañá foi presentada en Rinlo a XIII edición da Festa do Percebe, que se celebrará o 6 de agosto.
Nese acto desenvolvido a carón do mar o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, subliñou que “queremos presentar esta nova edición da Festa do Percebe de Rinlo aquí na propia ribeira do mar de Rinlo co ruído do mar ao fondo, nesta nova iniciativa que leva adiante a Confraría de Pescadores de Ribadeo a través da súa sección de mariscadoras, e tamén desde o Concello de Ribadeo”.
Fernando Suárez salientou que “queremos volver poñer de releve a Rinlo no mapa, no mapa da boa comida, do mundo do mar, do traballo duro e abnegado destas traballadoras, destas mariscadoras que dan o mellor de si e que arriscan día a día a súa vida para sacar este produto tan preciado que queren poñer a disposición de todo o mundo”.
O rexedor ribadense declarou que “máis de 600 quilos se poñerán á venda en racións a 13 euros a ración individualizada coa botella do bo viño por 6 euros”.
Suárez Barcia resaltou que “queremos convidar a todas as persoas que vivan nesta comarca da Mariña e que veñan tamén do occidente asturiano, e queremos convidar a todos estes milleiros de persoas que están de camiño, de paso, de turismo nestes días nesta parte do país, que non deixen de acudir este 6 de agosto a Rinlo”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “a festa comezará a partir máis ou menos das 12:00 horas, que será cando empecen a vender as racións tanto no porto de Rinlo, onde teñen as instalacións montadas as percebeiras, como tamén nos diferentes restaurantes e bares da propia localidade, desta vila tan fermosa, tan pequeniña pero tan viva, como é Rinlo”.
Na presentación tamén estiveron presentes a concelleira de Turismo, Ana Martínez, e un grupo de mariscadoras de Rinlo.