A X Concentración de Kaiaks de Mar Praia das Catedrais percorrerá o litoral entre as rías de Foz e Ribadeo. O evento será os días 15 e 16 de agosto.

A X Concentración de Kaiaks de Mar Praia das Catedrais percorrerá o litoral entre as rías de Foz e Ribadeo. O evento será os días 15 e 16 de agosto.
 
Os días 15 e 16 de agosto terá lugar a X Concentración de Kaiaks de Mar Praia das Catedrais, que organiza o clube de piragüismo Altruán coa colaboración do Concello. O evento foi presentado esta tarde polo concelleiro de Deportes, David Rivas, e polo secretario de Altruán, José Angel Fernández.
Desde o clube de piragüismo sinalan que “se trata dunha convocatoria especialmente tecnificada, para un sector de deportistas con práctica e xa con experiencia na navegación oceánica”. José Angel Fernández subliñou que “a nosa travesía desde as súas últimas edicións está a destacar coma un referente nacional na disciplina e no máis concreto, que é o kaiak de mar. Segundo os foros o ano pasado só nos superaron a concentración catalá, de Pagaya, e este ano estamos detrás da ruta dos fenicios. A cinco días da celebración da proba estamos en máis de 1.000 visitas no foro e temos unha inscrición garantida de 20 kaiakistas e agardamos que se aproximen aos corenta de aquía ao xoves”.
A X Concentración de Kaiaks de Mar partirá o sábado, 15 de agosto, ás 10 da mañá da praia de Anguieira, na ría de Foz, para facer a primeira parada na praia das Catedrais, a segunda en Rinlo e a chegada será á ría de Ribadeo, á zona da Vilavella, onde se celebrará a tradicional comida de confraternidade a partir das tres e media ou catro da tarde. Xa o domingo, 16 de agosto, haberá  unha visita non programada ao litoral. 
Desde Altruán agradecen “o apoio económico e doutros intanxibles por parte do Concello de Ribadeo; así como a colaboración de Protección Civil, etc…”.
David Rivas dixo que “esta concentración é unha oportunidade, como poucas, para gozar do litoral de Ribadeo e para coñecelo desde o mar, que é como se coñece ben unha costa” e engadiu que “desde o Concello seguimos apoiando, na medida das nosas posibilidades, todo o deporte e tendo moi en conta disciplinas que non son de masas, como é neste caso o piragüismo, porque a organización destes eventos é moi complicada”.