O Concello de Viveiro organiza actos para conmemorar o Día das Letras Galegas durante o mes de maio. O día central será o 17

O Concello de Viveiro anuncia a programación para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas 2024, dedicado a Luísa Villalta, que se estenderá ao longo de todo o mes de maio.

A alcaldesa, María Loureiro, destacou "a importancia de reivindicar a figura de Luisa Villalta, unha muller que foi poeta, novelista, dramaturga, ensaísta, tradutora, filóloga, violinista e moito máis".

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, quixo poñer en valor "a ampla programación en torno a esta data tan sinalada que temos este ano en Viveiro, con actividades de todo tipo".

A programación comezará este sábado, día 4 de maio, coa representación da obra teatral 'O lapis do Martín', de Sarabela Teatro, ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal. Seguirá o día 14 coa inauguración da exposición 'Exaltación do traxe galego-indumentaria tradicional' na sala multiusos do Concello.

O día central da programación, o 17 de maio, comezará coa interpretación do Himno de Galicia ás 12:00 horas no balcón da Biblioteca Municipal, a cargo de David Bellas, seguida do baile tradicional da asociación Bágoas da Terra na praza maior. Convídase á veciñanza a vestir roupa tradicional ao longo da xornada como parte da acción colectiva "Orgullo de ser". Tamén haberá, o mesmo día ás 13:00 horas na praza da Fontenova, actuacións do Coro Infantil do Colexio Loís Tobío e da Coral Polifónica Alborada. A programación completarase os vindeiros días con diferentes pasacalles, representacións, e obradoiros.