As XXIII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía serán do 15 ao 17 de decembro

Veñen de presentarse as XXIII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía, que organiza o Concello de Mondoñedo e que terán lugar os vindeiros 15, 16 e 17 de decembro do 2023. A actividade combina charlas e visitas a puntos de interese. As conferencias terán lugar no Pazo Santomé, na rúa Julia Pardo Montenegro, e as visitas serán a diversos puntos da parroquia de Masma, en Mondoñedo.

O programa comezará o venres 15 ás 19:30 horas coa entrega de documentación e co acto inaugural para arrancar a actividade propia do curso, ás 20:00 horas, coa intervención de Abel Vigo García e José Otero Rejes para abordar o tema das caleiras e da produción tradicional do cal en Mondoñedo, como conmemoración dos 20 anos da recuperación etnográfica da obtención de cal nos fornos de Masma. Na mesma darase un repaso polo catálogo de caleiras que se conservan no Concello e explicando, con detalle, todo o proceso de calcinación das rochas calcarias ata conseguir obter delas cal viva nos fornos propios deste oficio.

A segunda xornada, o sábado 16, arrancará pola mañá cunha visita guiada a diversos puntos de interese en Masma, comezando polos fornos de cal e continuando por diversos lugares da parroquia. A saída a esta visita será dende a Praza do Seminario ás 10:00 horas e para facer a ruta os/as asistentes precisarán dispor de vehículo. Na tarde do sábado, ás 18:00h, terá lugar a segunda conferencia, a cargo de Alexandra Staniewska, que abordará o tema das fosas comúns como sitios de investigación interdisciplinar a través da súa experiencia e traballos de investigación en áreas do centro de Europa, sobre todo en Polonia, na etapa da II Guerra Mundial.

A actividade finalizará o domingo día 17, cunha conferencia ás 12:00 horas, a cargo de Marcos Vaqueiro Rodríguez, que fará unha primeira achega de resultados dos traballos de investigación multicisplinar que se están a realizar na Cova do Rei Cintolo nestes últimos anos e dos cales é o director científico. A xornada rematará coa entrega de diplomas.

Para a asistir á actividade prégase inscrición a través do e-mail xornadas.arqueo@gmail.com ou a través do teléfonos 982.50.71.77 e 982.52.40.03. A matricula na actividade é gratuíta e estará aberta ata o venres 15 ás 14 horas.