O concurso internacional de castelos na area de Barreiros celébrase este sábado, 25 de xullo, na praia de Arealonga. Será ás cinco da tarde.

O concurso internacional de castelos na area de Barreiros celébrase este sábado, 25 de xullo, na praia de Arealonga. Será ás cinco da tarde.
 
O concurso internacional de castelos na area chega a unha nova edición este sábado, 25 de xullo. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, presentou a xa tradicional competición, que se celebrará a partir das 17 horas na praia de Arealonga, en Reinante. O concurso está organizado polo propio Concello e nel colaboran a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.
Todo está preparado xa no areal para a chegada dos participantes: “estivemos estes días acondicionando a praia de Arealonga, quitando pedras, porque se non case os castelos se poderían construír con pedras, máis que con area. Creo que é unha cita obrigada, é un concurso internacional onde hai moita participación, onde os nenos gozan conxuntamente cos pais ou cos amigos facendo esas figuras na area, e que cada ano mellora e se ven mellores traballos sobre a area”, dixo Fuente Parga. 
O rexedor insistiu en que “é unha cita obrigada tanto para os que van construír eses castelos como para  os que queren ver esas figuras na area. Empezará mañá ás 17 horas na praia de Reinante. Haberá uns detalles para os mellores e un agasallo para todos os participantes”. 
Os interesados en competir cos seus castelos de area poden inscribirse entre as catro e as cinco da tarde nunha mesa que será habilitada na propia praia. 
O concurso presentouse hoxe. Ao acto asistiron o seu promotor da iniciativa, Manuel Méndez, o alcalde, os concelleiros de Deportes e Cultura, e o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero.