O Concello de Lourenzá programa actos para conmemorar o Día da Muller o 8 de marzo. Un deles é unha homenaxe á veciña de San Adriano Felicitas Valiña.

O Concello de Lourenzá programa actos para conmemorar o Día da Muller o 8 de marzo. Un deles é unha homenaxe á veciña de San Adriano Felicitas Valiña.
 
O Concello de Lourenzá programa actos para conmemorar o Día da Muller Traballadora o vindeiro 8 de marzo, martes. Un deles é unha homenaxe á veciña de San Adriano Felicitas Valiña Andía. As actividades foron presentadas hoxe pola alcaldesa, Rocío López, e pola concelleira de Benestar Social, Mercedes Dengra. 
 
O programa para o día 8 de marzo en Lourenzá arrancará ás 15:00 horas no salón de actos do Concello cun espectáculo titulado Maxia pola Igualdade a cargo da ilusionista Fani Triana, que está destinado ao público infantil. As 17:30 horas, tamén no salón de actos municipal, terá lugar unha entrevista seguida dunha homenaxe á laurentina Felicitas Valiña Andía, natural da parroquia de San Adriano, que rexentou ó longo de varios anos unha empresa do sector do moble xunto co seu home. 
“As súas vivencias mostran o exemplo dunha muller traballadora e integrada na sociedade daqueles tempos”, manifestou rexedora municipal, quen engadiu que “a xornada concluirá ás 18:30 horas cunha repetición do espectáculo Maxia pola Igualdade, dirixido a tódolos públicos en xeral”.
 
Rocío López explicou que “os actos programados para este día conmemoran  a continua loita da muller pola igualdade co home en tódalas facetas da vida, destacando a  participación e integración nos distintos ámbitos da nosa sociedade. Como muller alcaldesa que son, síntome orgullosa de que as mulleres tamén cheguemos a ocupar cargos de responsabilidade nesta sociedade, pero son consciente de que aínda queda moito traballo por facer. Son moitos os avances acadados na igualdade de xénero entre homes e mulleres, pero aínda seguen existindo moitos obstáculos; por iso debemos traballar por un modelo de organización social máis aberto que lle permita ás mulleres compatibilizar a súa vida familiar e laboral. Dende o Concello, e concretamente a  Concellería de Benestar Social que preside Mercedes Dengra, invitamos a tódolos veciñ@s a asistir e a participar neste día tan emblemático”.