Do 26 de xuño ao 9 de outubro terá lugar o XXI Mercado dos Domingos na contorna da praza de abastos. Unha cita que impulsa a alimentación de proximidade, a sostibilidade e o consumo local.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “coa chegada do verán, retómanse actividades e tradicións propias desta época. Unha delas é o Mercado dos Domingos,que xa vai pola vixésimo primeira edición e que se celebrará na contorna da praza de abastos de Ribadeo cada domingo dende o 26 de xuño ata o 9 de outubro”.
O edil ribadense explicou que “o Concello de Ribadeo organiza este mercado en colaboración coa Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira. Trátase dun mercado de proximidade de produtoras e produtores da zona no que se poden atopar produtos da horta, outros alimentarios como queixos ou pan e relacionados co sector primario. Nesta temporada tamén se incorporan novidades como as setas e os doces”.
Vizoso Galdo subliñou que “o Mercado dos Domingos pon en valor a economía de proximidade, potenciando o consumo de temporada, apoiando a nosa economía local e dinamizando Ribadeo..Este mercado terá lugar, como cada ano, na contorna da praza de abastos de Ribadeo en horario de 9:00h a 14:00 horas, contará con15 produtores e produtoras da zona. Este é un espazo no que poderá atoparse unha oferta de produtos ben diversificada e de proximidade:da horta, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes e marmeladas, cervexas, coitelería , doces, setas etc”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “coa posta en marcha desta nova edición, e durante máis de tres meses, o Concello de Ribadeo contará cun espazo máis para o encontro da alimentación, da sostibilidade, do ocio e da actividade do sector primario”.
Pablo Vizoso dixo que “este domingo animará o mercado entorno ás 12:30 da mañá o cuarteto de música tradicional Xaramolo”.