As Tixolas, de Viveiro, é o único restaurante contra a fame da provincia de Lugo. A campaña realízase en toda España ata o 15 de novembro.

A campaña “Restaurantes contra el Hambre” é a maior iniciativa solidaria da hostalería en España, promovida por Acción contra el Hambre en colaboración coa Federación Española de Hostalería, que ademais este ano cumpre o seu décimo aniversario.

A casa de xantar “As Tixolas” (Covas-Viveiro) é, segundo o mapa de colaboradores da web oficial da campaña (https://www.accioncontraelhambre.org/acciones/restaurantescontraelhambre...), o único restaurante participante en toda a provincia de Lugo, mentres que hai outros dezasete locais que tamén colaboran en toda Galicia.

O menú solidario que ofrece As Tixolas consta de 4 pratos, postre, café de pota e chupito, todo por 20 euros. O menú, que se renova cada poucas semanas, consta agora mesmo de mexillóns á mariñeira; timbal de polbo, langostinos e cogomelos con panadeiras e aceite pimentón; ovos rotos con criollo, patacas e allos tenros; Meixela de porco con patacas panadeira; tarta oreo; Café de pota e chupito.

A campaña celébrase entre o 15 de setembro e 15 de novembro en restaurantes de todo España. Os hostaleiros únense deste xeito para loitar contra a desnutrición infantil, servindo “os pratos que máis alimentan”, xa que por cada menú vendido unha parte (de 0,50€ a 2€, segundo o importe do menú) destínase a Acción contra el Hambre para a prevención, diagnóstico e tratamento da desnutrición.

“Pode parecer unha cantidade pequena, pero gracias a esta iniciativa na campaña do ano pasado recaudáronse en toda España máis de 180.000 euros, con pequenas aportacións prato a prato”, asegura José Manuel Vázquez, responsable do restaurante As Tixolas, que leva colaborando xa nove anos con esta iniciativa solidaria.