Para bonito eu será presentado o 2 de agosto en Produart. Ledicia ultima os detalles da Feira do Bonito de Burela

Os meses de xullo e agosto son abondosos en festas e romarías por toda Galicia, non quedando vila nin cidade sen o seu acontecemento. 

No verán da Mariña de Lugo destaca, gastronómicamente, a Feira do Bonito de Burela que a falta de pequenos detalles ten o programa de actividades pechado. Arte, deporte e música serán o complemento perfecto a dúas xornadas gastronómicas dedicadas a ensalzar o Bonito de Burela, o Príncipe Azul do Cantábrico. 

Desde Ledicia sinalan: “e non só o produto en sí, senón tamén un modo de vida e a historia da flota boniteira de Burela; así o pensou a persoa que será o pregoeiro desta XXXVIII Feira do Bonito: Julio López Quiroga, quen se define a si mesmo como un namorado do seu pobo e sempre, sempre, formalmente informal. Julio, nun intenso traballo de campo, recompilou datos para recordar; o seu amigo e socio Santiago Martínez, cociñeiro e profesor da materia, complementou ese traballo con saborosas receitas; e xuntos cociñaron un libro que se degusta páxina a páxina”.

PARA BONITO EU / PARA BONITO YO, será presentado ao público en Produart o dia 2 de agosto, e estará dispoñible para a súa compra nos días da Feira. Como ben sabedes Produart  comparte espazo e datas de celebración coa Feira do Bonito (un día máis), está adicada aos produtos ecolóxicos e artesanos e está organizada pola Fundación Expomar”.

Dende Ledicia “sentímonos moi agradecidos porque os autores pensasen en nós como escaparate do libro, e así como Julio (O Carrocho) vai ser o pregoeiro, Santiago (Santi do PubTotal) vai colaborar coa organización na elaboración dunha tapa que se poderá degustar o domingo, ao igual que o marmitako”.