Os días 27 e 28 de abril e o 4 de maio seguirá o programa de Xeoturismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. A Cova do Rei Cintolo, Xove e A Frouxeira serán as localizacións das vindeiras actividades xeoturísticas.
O 27 de abril ás catro da tarde dará comezo a visita á Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Trátase da cova máis grande de Galicia e unha marabilla natural, que foi obxecto de numerosos estudos arqueolóxicos. Son 7.000 metros de galerías dunha cova que acada un desnivel máximo duns 75 metros, con lagoas interiores e un río soterrado, o Celtas. As persoas que participen nesta xeovisita poderán ver diversas especies de morcegos e invertebrados acuáticos así coma o diminuto Iberobathynella ortizi. A Cova do Rei Cintolo tamén está envolta en lendas, que sorprenderán ao viaxeiro.
Xove, unha mirada baixo a alfombra é o título da xeoruta que se desenvolverá o 28 de abril a partires das 11 da mañá. Os asistentes terán a oportunidade de observar o aspecto das rochas nas profundidades da codia terrestre e gozar de praias rochosas e campos de dunas de grande beleza.
E para o 4 de maio está programada unha xeovisita á Frouxeira, en Foz. A visita guiada dará comezo ás 10:30 horas. Trátase dun lugar singular con connotacións históricas debido á existencia en tempos dunha fortaleza, obxecto de asedio e destrución tras a derrota do Mariscal Pardo de Cela. Os participantes terán a oportunidade de coñecer os minerais formadores do granito e das súas propiedades e aprenderán a interpretar as pedras, ademais de gozar desde o miradoiro dunha das vistas máis espectaculares da comarca da Mariña.
As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse nestas actividades poden facelo a través de https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Formación
O vindeiro 24 de abril desenvolverase unha Xornada de Formación en Xeoturismo para anfitrións e xestores de turismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística.
Esta xornada estaba prevista para o pasado 13 de marzo, pero quedou posposta para este mes de abril co obxectivo de que, tralos preparativos que supuxo a Semana Santa, poida participar o maior número de persoas interesadas. Desenvolverase no salón de conferencias, en Burela, en horario de 10 a 14 horas e de 15 a 19 horas.
As persoas interesadas en asistir aínda se poden inscribir no seguinte enlace: https://forms.gle/KSPKRjpTQ1Ur7zGAA. Para máis información poden acceder a https://amarinalucense.gal/es/geoturismo contactar por mail con amarinageoturismo@gmail.com ou por teléfono no seguinte número 644 00 97 22.
O pasado mes de febreiro tiveron lugar as primeiras xornadas de formación en Xeoturismo para guías e empresas de turismo activo. Foron 21 profesionais os que participaron tanto da comarca da Mariña como do resto de Galicia e de Asturias. As xornadas desenvolvéronse os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro no salón de conferencias de Burela.