O VIII Torneo de Fútbol Sala Base Memorial Héroes do Orzán celebrarase na Mariña do 26 ao 30 de xuño. No evento, que foi presentado este mediodía no Concello burelés, reuniranse máis de 800 rapaces de 70 equipos procedentes de diferentes puntos de España. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, salientou a importancia que esta cita ten para a comarca. Pola súa banda o alcalde, Alfredo Llano, lembrou que o evento naceu como un acto de solidariedade que hai que fomentar no deporte entre os rapaces.
Fernández Rey dixo que “como concelleiro de Deportes quero agradecer á Fundación Indecum que conte co Concello de Burela para este Memorial. Máis aló do feito de recordar a estas tres persoas que deron a vida para intentar salvar a outro, tamén nos toca moi de cerca porque Rodrigo era de Burela, unha persoa que amaba o deporte. Eu penso que é un acto moi bonito para recordar a súa memoria”.
O edil subliñou que “máis aló da repercusión que ten a nivel deportivo o Memorial, temos que recordar que vai mover a preto de 800 cativos aquí na Mariña, salientar a repercusión económica e social que ten para a nosa comarca. Quero agradecer a participación de todos os Concellos que estamos aquí hoxe para dar o pistoletazo de saída deste Memorial. Como sempre dicimos, a colaboración entre Concellos é fundamental, non miramos ideas políticas e é un orgullo que entre todos poidamos facer que A Mariña siga medrando e memoriais como este fan que A Mariña medre”.
Pola súa banda o alcalde, Alfredo Llano, lembrou que “estamos aquí porque naceu todo como un acto de solidariedade. Na Coruña aquel día foi unha responsabilidade absoluta e un acto de enorme transcendencia dado que levaron á máxima consecuencia o compromiso que tiñan co seu traballo e co seu deber. Foi un acto de responsabilidade e de cumprimento do deber. Ese acto solidario ten que ser fundamental para que nos serva a nosoutros como guía en moitos aspectos da vida. Un acto solidario tamén trae outros actos solidarios como o deporte que agora mesmo estamos defendendo. Desde o Concello de Burela como todos os que estamos aquí defendemos o deporte como algo que xera valores que van ser fundamentais para a vida, como a solidariedade, o esforzo, o compañeirismo e o compromiso, todo aquilo que vai destinado a completar os valores das persoas”.
O rexedor subliñou que “estamos collendo dimensións extraordinarias porque van vir sobre 800 rapaces, e iso uere dicir que se están facendo as cousas ben por parte dos que estamos metidos dalgunha maneira en todo isto. É importante porque estamos transmitindo esa idea da solidariedade, do compromiso e da responsabilidade. Estamos moi contentos de que aquí imos disfrutar durante catro ou cinco días do fútbol sala nesas categorías infantís, xuvenís, etc… É importante tamén porque trae como consecuencia para Burela e para A Mariña unhas melloras económicas resultante da cantidade de xente que nos vai vir visitar. Sempre é bo que nos coñezan, que coñezan A Mariña e coñezan Burela porque iso crea un ambiente para que volvan”.
Neste 2019 A Mariña volve ser a sede única deste Memorial, que nas tres últimas edicións tamén se disputou na Coruña.