Burela acollerá entre os días 27 e 30 de xuño o segundo Campamento Musical ASUEMBU. Está orientado ás especialidades de corda fretada, piano e vento.
A asociación de usuarios da Escola de Música local (ASUEMBU) organiza por segunda vez esta iniciativa, que culminará nun gran concerto final na Casa da Cultura, coa colaboración do Concello. Está dirixida a maiores de 8 anos.
"Dende a área de Educación do Concello de Burela estamos encantados de colaborar con iniciativas deste tipo, sobre todo despois do éxito do pasado ano, que fai que se espere unha gran participación para este ano", sinala o concelleiro Mario Pillado.
"Os rapaces e rapazas, pequenos grandes músicos, desfrutarán das ensinanzas dos docentes, así como tamén dos concertos e das actividades organizadas dentro do propio campamento", afirma o edil. "Queremos agradecer a ASUEMBU a súa labor e traballo neste eido", engade.
As prazas son limitadas e a inscrición deberá realizarse antes do 15 de maio.
A presentación do campamento será o día 27 de xuño ás 15:00 horas no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme. O 29 de xuño terá lugar un concerto de cámara ás 19:30 horas na Casa da Cultura.
O gran concerto final será ás 18:00 horas do 30 de xuño, domingo, tamén na Casa da Cultura. Para máis información sobre o campamento pódese contactar co número de teléfono 644.89.47.14.