A Tropa de Trapo continúa o vindeiro domingo en Alfoz a xira do espectáculo ‘Catro monos’, que está a levar os contos con valores a diversos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actuación desenvolverase o 19 de maio ás 18.30 horas no salón de actos do Centro Sociocultural, nas proximidades do Día de África, que se celebra o 25. A compañía mestura narración oral, música ao vivo e teatro de obxectos para facer reflexionar ao público sobre como nos relacionamos entre nós e co medio.
‘Catro monos’ é un espectáculo para pensar, para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible. A proposta dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que nos levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara, etc. Todo cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe. Ademais de Alfoz, o espectáculo chegará proximamente a Viana do Bolo, Rianxo ou Cabanas.
A Tropa de Trapo
Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.