O vindeiro sábado, 5 de marzo, ás 18:00 horas será representada na Casa da Cultura de Burela “A nena que vivía nunha caixa de mistos”, a nova proposta de Caramuxo Teatro inspirada no conto “A vendedora de mistos”, de Hans Cristian Andersen. Trátase da terceira parte da triloxía sobre contos populares que comezou con “As fabas máxicas”, continuou con “Feo” (Premio María Casares a mellor espectáculo infantil) e rematará con este espectáculo.
Trátase dunha peza cunha coidada posta en escena e cunha linguaxe contemporánea, utilizando como temática a pobreza infantil.
Unha nena camiña pola rúa dun lugar a outro coa súa caixiña de mistos, a casa onde pasa a noite. Pola mañá sae pola vila para vender mistos a quen os necesite, no día a día coñece unha morea de personaxes e dous pequenos amigos, un vello can e un paxariño. O elenco está formado por Laura Sarasola e Juan Rodríguez (manipulación monicreques).