O Centro Comercial Histórico de Viveiro aposta unha vez máis por impulsar as compras e o ocio na súa cidade. E pon en marcha este venres, 3 de xuño, e o sábado 4 a campaña Shopping Weekend, un fin de semana de compras ofrecendo fantásticos descontos en miles de artigos.
Trátase dunha oportunidade para pasar a fin de semana facendo compras nos 46 comercios participantes na campaña e desfrutar de descontos do 20% en miles de artigos. Participan locais de moda de home, muller e nenos, calzado, complementos, artigos de deporte, lencería, xoias, mobles, decoración, agasallos, artigos para o fogar, alimentación, iluminación, óptica, telefonía, estancos e salóns de peiteado, que estarán identificados cós distintivos da campaña, banderolas de color fucsia de 2,60 metros de altura colocadas nas entradas dos comercios, indicando o desconto do 20%, así como vinilos da mesma cor pegados nos escaparates. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles locais nos que poderá desfrutar da campaña de descontos.
Tratase de ofrecer ó cliente a mellor calidade, variedade e prezo, sen ter que desprazarse, mercando no comercio local, un comercio que ofrece un trato persoal e profesional. É moi importante lembrar que estes descontos non son acumulables a outras ofertas que xa teñan nos comercios, a encargos ou a devolucións, xa que é unha campaña puntual organizada só para as vendas destes dous días. Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro das axudas para a dinamización de Centros Comerciais abertos de Galicia.