Mañá, martes, da comezo a oferta formativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña, en colaboración co IES de Foz e coa FCAM (Federación de Comercio da Mariña). Ao igual que no 2016 haberá formación específica para a hostalería.
Este 24 de outubro dará comezo un curso de tradución de cartas ao inglés. Terá unha duración de tres horas (2 presenciais e 1 telemática). Será impartido por profesorado da área de idiomas do IES de Foz. Haberá catro edicións, que serán os días 24 e 31 de outubro e o 7 e o 14 de novembro en horario de 16:30 a 18:30 horas.
Tamén se inicia un curso de inglés básico para hostalería. Neste caso terá unha duración de 4 horas e será impartido por profesorado da área de idiomas do IES de Foz. Haberá dúas edicións, a primeira que será os días 8 e 15 de novembro e a segunda os días 21 e 22 de novembro. Os horarios deste curso serán de 16:30 a 18:30 horas.
E da comezo un curso de márketing para hostalería, de catro horas de duración. A programación realizarase en dúas edicións, a primeira os días 25 de outubro e un día de novembro que está pendente de determinar e a segunda os días 20 e 27 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
Toda esta actividade formativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña será no IES de Foz, sito na rúa Castelao, “as prazas ofertadas no curso de inglés básico para hostalería están cubertas nas xornadas do 8 e 15 de novembro, ao igual que as de márketing do 25 de outubro”.
Desde a Mancomunidade subliñan que “este ano ofrecerase formación en comunicación on line e off line, tanto para hostalería como para persoal técnico. Aqueles establecementos interesados en obter máis información poden dirixirse ao seguinte correo electrónico turismo@amariñalucense.gal”.
Tamén se imparte un curso de comunicación on line e off line en Burela, cunha duración de 9 horas. O lugar de celebración neste caso é a Casa da Xuventude. Este mesmo curso chegará a finais de novembro a Viveiro.