O vindeiro sábado, 2 de abril, ás 20:00 horas será representada na Casa da Cultura de Burela a obra teatral "As Alumnas". Culturactiva Producións chega a Burela con esta representación.
Trátase dun espectáculo dirixido a público adulto sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.
"As Alumnas" busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade, creándose así un acto ético-estético que se complementa coa participación de espectadores activos.
As entradas poderán adquirirse na billeteira por 3 euros.