A galería ribadense de arte Terra Branca e o zoqueiro Alberto Geada poñen en marcha O Xogo das Zocas, que inclúe agasallos para os gañadores. O obxectivo desta iniciativa é facer promoción desa zona do interior da Mariña e da arte que se fai nesta comarca, arte en imaxes e arte en forma de zoquiñas.
Para conseguir cada un dos cinco premios hai que localizar unha das cinco pequenas zocas que o zoqueiro do Valadouro Alberto Geada escondeu na contorna das cinco marabillas do Val do Ouro: o castelo de Castrodouro, a fervenza Escouridal, o dolmen do Prado das Chantas, a cruz do Pau da Vella e Finca Galea. Despois de atopar cada zoca hai que levala á galería Terra Branca, de Ribadeo, onde os gañadores recibirán os agasallos, que consisten en figuras de cerámica, unha lámina, un reloxo ou un perfume de Terra Branca. Se a mesma persoa consegue levar as cinco zocas xuntas á galería recibirá ademais un agasallo especial.
Os que queiran atopar as zocas poden seguir as pistas no vídeo elaborado para a ocasión por Terra Branca Producións coa dirección de Terra Branca e o Museo das Zocas, guión de Alberto Geada Val, música de José Ramón Leal, vestiario de Remedios Espantoso e Alberto Geada e narración de Carmen Cruzado. Esta montaxe audiovisual conseguiu o premio á Mellor Película feita no Val no primeiro Concurso de Curtas de Alfoz e O Valadouro celebrado recentemente. Pode verse a través da canle de Terra Branca en VIMEO (https://vimeo.com/253161147) ou desde a páxina web da galería: www.galeriaterrabranca.com.
Os creadores desta curtametraxe e deste xogo subliñan que “as zocas son de madeira e polo tanto non causan ningún dano ao medio ambiente da zona onde están escondidas”.
O propietario de Terra Branca, José Ramón Leal, explica que puxo en marcha este proxecto porque “esta galería es más que una tienda, es un espacio de arte mariñano en el que el audiovisual tiene cabida como forma de expresión artística. Además nos encanta colaborar con los creadores de la zona”.