Este sábado, 7 de maio, no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, Deste Xeito Producións porá en escena a obra Feminíssimas. A representación dará comezo ás 20:30 horas.
A historia discorre nun congreso feminista na cidade de Vigo onde se atopan tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven e que teñen tres maneiras ben distintas de entender o feminismo. A peza presenta altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres se analiza, dende a comedia, de que maneira as mulleres conviven neste novo mundo feminista. Baixo a dirección de Xavier Castiñeira e dramaturxia de Esther Carrodeguas, o elenco está composto por Stephy Llaryora, Esther Carrodeguas e Noelia Blanco.