Ata o 15 de setembro está aberta no Cenima, en Foz, a exposición "Abismos. Entre a sombra e a alma".

Ata o vindeiro 15 de setembro permanecerá, na sala de exposicións do Cenima de Foz, o proxecto "Córgomo Arte VI. Abismos. Entre a sombra e a alma. Edición Mariña".

Trátase dunha iniciativa persoal de Manolo Conde e Victorino Núñez, chegado de Vilamartín de Valdeorras, como un exemplo de proxecto de comunidade que integra a arte contemporánea nos ritmos vitais e culturais do rural. Córgomo Arte constitúe un acto de rebeldía contra o establecido e, por primeira vez, deixa a comarca de Valdeorras para tratar de tender pontes e estender o efecto contaxio á comarca da Mariña luguesa. De feito o certame contou nesta última edición coa participación de artistas mariñáns como Lu Vila, Cris Basanta, Martín Lestao ou Patricia Arellano.

Nesta mostra atópanse obras de: Manuel Conde (Córgomo), Victorino Núñez, Patricia Arellano e Martín Lestao de Burela, Cristina Basanta de Viveiro, Lu Vila de Barreiros e Patricia Fernández Paz de Chantada. Ademais, nesta Edición Mariña, o artista convidado é David Catá.

O horario de visita da exposición, no Cenima de Foz, é de 10:00 a 13:30 horas, e de 16:00 a 20:00 h., de luns a sábados.