As terrazas do Cámping Gaivota, en Barreiros, acollerán maña unha nova queimada proletaria coa actuación do grupo Djang Dharma, que fusiona instrumentos da India, de Australia e do Tíbet.
O artista barreirense Celso Dourado dixo que “este venres temos a tradicional queimada que facemos todos os venres no cámping cunha actuación musical dun grupo que posiblemente sexa dos máis orixinais que eu coñezo. Trátase de Djang Dharma, que son Chus, Tomás e Adrián”.
Dourado explicou que “esta xente coñeceuse hai uns anos tocando polas rúas de Santiago. Desta relación naceu unha fonda amizade que os leva a xuntarse e a convivir longas tempadas, sobre todo polo inverno, nun val de Asturias, máis en concreto na comarca dos Oscos. Aquí crean, improvisan e ensaian practicamente sen ningunha influencia, nada máis que os seus coñecementos e o dominio dos seus instrumentos, que son a base deste grupo”.
Celso Dourado comentou que “a súa música é unha fusión principalmente de tres instrumentos pertencentes a culturas e épocas moi diferentes, o sitar da antiga India, o didgeridoo dos aboríxenes australianos e un curioso instrumento dos máis antigos e coñecidos que é o hang, que é unha especie de tambor metálico tibetano que na actualidade se crea en Suiza”.
O artista barreirense engadiu que “Djang Dharma é unha unión destes tres elementos, da música ancestral da India, da tribal de Australia e o son tibetano do hang, mesturado con diversas influencias e á súa vez cunha improvisación que merece moitísimo a pena escoitalos porque a verdade é unha singularidade de grupo. A partires das once da noite, coa conseguinte queimada, poderemos gozar da música destes tres singulares músicos”.