ACISA Ribadeo continúa coa organización da súa VII Gala, que se celebrará o 16 de marzo. O evento será conducido polo monologuista Javi González. O prazo para a retirada das tarxetas remata o día 15.
ACISA Ribadeo recomenda a aquelas persoas que estean interesadas en asistir a esta gala que fagan a súa reserva o antes posible para unha mellor organización do evento. As reservas e compra de tarxetas poden realizarse nas oficinas de ACISA Ribadeo, na Avenida de Galicia, 20-2ª planta, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas de luns a venres, a través do e-mail info@acisaribadeo.es, no WhatsApp no 663 39 62 26 ou no Parador de Turismo de Ribadeo.
O xerente de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez, quere “animar a todos os socios a asistir, xa que esta gala tamén serve como foro de debate, de intercambio de opinión, así como para fixar lazos entre os membros da asociación. Tamén quero animar a que acudan aos non asociados, sexan empresarios ou cidadáns non relacionados co sector a asistir a esta gala, xa que moitos queren acompañar aos premiados nun día tan especial”.
Pérez anuncia que “este ano contaremos co monologuista Javi González, gañador de numerosos concursos de comedia, que se encargará de presentar a gala cun ton humorístico, e facela deste xeito moito máis amena, sempre desde o respecto. Ademais ofrecerá un monólogo que garante un peche de gala moi divertido”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Servicios e Autónomos engade que “o menú que este ano prepara o Parador para a VII Gala de ACISA Ribadeo consta dun primeiro prato que é un arroz caldoso con froitos do mar, muslo de pato confitado con salsa agridoce e patacas bola de segundo, e como postre xeado de queixo do Cebreiro con mel de Antas, ademais de auga, viños, cafés e licores. Ademais o Parador dá a facilidade a aquelas persoas que teñan unha alerxia de comunicalo para adaptar o menú”.
Na VII gala de ACISA Ribadeo serán premiados os propietarios de O Bodegón, Florentino Martínez Peláez e Mercedes García López, que recibirán o recoñecemento a toda unha carreira empresarial. O premio como socio honorífico recibirano José Luis Méndez Morán e América López Oliveros, fundadores de Ferraxería Morán. E o galardón como socio do ano será para José Ramón Leal Segura, propietario de Galería Terra Branca.