Cervo homenaxea a Rosalía de Castro cun concerto de Amancio Prada o 3 de marzo. E o 24 de febreiro inaugúrase un traballo expositivo sobre a figura da escritora galega.

O Concello de Cervo homenaxea a figura de Rosalía de Castro coa programación dunha serie de actos culturais que terán lugar ao longo de toda a semana. 
 
Así, este sábado 24 de febreiro, coincidindo co 181 aniversario da escritora galega, inaugurarase un traballo expositivo sobre a súa vida e obra. Será na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián. Son 20 paneis nos que se fai un percorrido pola figura de Rosalía de Castro, que se poderán visitar este sábado pola tarde, e durante todo o mes de marzo, de luns a venres. A continuación, o traballo será trasladado á Sala de Exposicións da biblioteca de Cervo, onde permanecerá exposto durante todo o mes de abril.
 
Ademais, para o mércores 28 de febreiro, a delegación de Cultura ten previsto un obradoiro infantil no que se abordará a vida e obra da poetisa. Será de 18:00 a 19:00 horas na biblioteca de San Ciprián; e está dirixido a nenos de 1º a 6º de primaria. Enviaranse as inscricións aos centros educativos do municipio e tamén poden anotarse na Casa da Cultura (982.59.51.57).
 
A maiores, desde o sábado e durante toda a semana, as redes sociais do Concello irán incorporando contidos relativos á escritora e retais da súa obra para compartilos con todos os seguidores destas plataformas dixitais.
 
Pero o prato forte desta Semana dedicada a Rosalía de Castro terá lugar o vindeiro sábado, 3 de marzo. O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, presentaron hoxe a actuación do artista berciano Amancio Prada, “que leva toda unha vida poñéndolle voz aos poemas de Rosalía con esa sensibilidade que o caracteriza”.
 
A cita, con entrada libre e de balde, será ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura.
 
Villares e Caramés apuntaron que se trata dunha oportunidade única “para recordar a figura de Rosalía e mergullarnos na súa obra a través da música e da voz dun referente neste país, ao que lle temos que agradecer que comparta con todos os cervenses e con aqueles que desexen visitarnos ese día, a celebración desta efeméride”.
 
Amancio Prada presentará en Cervo o seu traballo Resonancias de Rosalía, editado no 2014, no que recolle e reinterpreta todas as cancións que compuxo sobre poemas da escritora escollidos e inspirados nos seus tres libros esenciais: Cantares Gallegos, Follas Novas e En Las Orillas del Sar. 
 
O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a participar nesta homenaxe a toda unha icona das letras galegas, como é Rosalía de Castro.