O Concello de Cervo celebra un ano máis o Día dos Namorados co VI certame de amor na rede. Nesta ocasión a delegación de Xuventude convoca o concurso “Unha historia por amor”, no que poderá participar calquera persoa maior de 14 anos.
Tal e como puntualizou a edil, Dolores García Caramés, “o tema xenérico deste concurso é o amor, pero o amor en calquera das súas versións, como pode ser a amizade, a familia, a parella, o amor polas nosas mascotas…; ou calquera idea que teñan no maxín os participantes, porque se valorará tanto a orixinalidade como o sentimento, segundo o xurado o interprete en cada traballo”.
Os participantes poderán presentar ou ben unha historia de amor en formato vídeo que non pode exceder os 3 minutos, ou ben unha historia escrita que non supere o espazo dun folio DIN-A4. No caso do apartado vídeo os traballos deben levar mensaxe.
As historias recóllense na Casa do Concello, en Cervo, e na Casa da Cultura, en San Ciprián; e tamén poden enviarse ao correo electrónico dinamización@concellodecervo.com.
Establécense dúas categorías para cada apartado; para idades de 14 a 17 anos, e de 18 en diante; e o premio por categoría e apartado será un vale para unha cea nun establecemento do Concello de Cervo.
Os participantes poderán entregar cantos traballos desexen ata o vindeiro 28 de febrero, cando remata o prazo. O fallo do xurado farase público o 3 de marzo.
As historias gañadoras serán publicadas nas redes sociais do Concello de Cervo.
Xunto a historia deberase entregar unha autorización de reportaxes e vídeo incluída na entrega das bases do concurso que se poderán recoller no Concello ou na Casa da Cultura.