O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, celebra hoxe o Día Internacional da Biodiversidade convocando o concurso de debuxo “Recunchos máxicos do Concello de Cervo”.
A edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, e a de Educación, Dolores García, presentaron este mediodía o certame no que poderán participar todos os nenos e nenas que se atopen cursando estudos de Infantil e Primaria.
Tal e como explicou Méndez “as obras teñen que ter como tema principal a representación dalgún dos lugares con encanto que agocha o noso municipio; a técnica será libre, premiando a orixinalidade”.
Os traballos téñense que presentar en formato A4 en horizontal, e no seu reverso os participantes deberán indicar o lugar representado.
Os orixinais entregaranse nos propios colexios, sen asinar, e acompañados dun sobre pechado que conteña os datos persoais do/da autor/a: nome, apelidos, idade, colexio e número de teléfono.
Premiarase un debuxo por cada modalidade: de 3 a 5 anos; de 6 a 9 anos e de 10 a 12 anos.
O prazo de recepción dos traballos remata o 31 de maio. E os premios entregaranse o día 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
A edil de Medio Ambiente destacou que “esta iniciativa vén a sumarse a outras moitas que temos en marcha dende o Concello, e coas que estamos a reforzar a estratexia medio ambiental que temos ben definida, que veu ligada en boa parte á inclusión de Cervo na Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade da que Cervo forma parte dende finais de 2016”.
Ademais con este certame –engadiu- “pretendemos involucrar aos máis pequenos, para que, ao tempo que potencian a imaxinación e descubren recunchos do noso Concello, reflexionen sobre a importancia de coidar e protexer a contorna”.
Nesta mesma liña tamén temos en marcha outro certame consolidado xa no Concello de Cervo, que é o VII Concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2017”, que cada ano ten máis aceptación, e do que tamén se entregarán os premios o Día do Medio Ambiente, o 5 de xuño.
Ademais, outros eixos sobre os que estamos a traballar nesta materia son a reforestación con especies autóctonas produtivas ou á loita contra especies exóticas invasoras, como a unlla de gato ou os chamados plumeiros da pampa, que temos localizados nalgunhas zonas do municipio. E tamén, con carácter periódico entregamos aos veciños que así solicitan composteiros de balde, para fomentar a autoxestión de residuos orgánicos, e xa son máis de 170 as familias que contan cun a día de hoxe. Ademais, Méndez recordou que tamén está en marcha o programa educativo de visitas ás plantas depuradoras do Concello que está a funcionar moi ben.