O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, celebrará o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, cun gran concerto a cargo de Guadi Galego, ex vocalista do grupo Berrogüeto e hoxe xa en solitario, un dos referentes do panorama musical galego.
A cita será ese día, mércores 17 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura, e a entrada será, como é habitual na programación cultural do Concello, de balde.
A edil de Cultura, Dolores García Caramés, presentou esta tarde o evento, en compañía dos membros do Grupo Municipal de Teatro Infantil PimPim, que exercerán de “teloneiros” da artista, realizando unha homenaxe ao protagonista deste ano das Letras Galegas, Carlos Casares, sobre o que, tal e como apuntou Caramés “estamos a traballar intensamente estes días, con moitísimas ganas e ilusión por parte dos máis pequenos, que tamén queren sumarse á celebración deste Día aportando o seu graniño de area”.
O 17 de maio –engadiu- “é un dos días grandes de Galicia, e que mellor xeito de celebralo que coa música e as Letras, desta gran artista, que logra encher de maxia cada escenario ao que se sobe”.
Guadi Galego presentará en San Ciprián, o seu último traballo O mundo está parado, que é o seu terceiro disco en solitario.
Son dez temas que viaxan entre o personal e a reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade ou a coherencia. Seis deles da súa autoría, tres de Carlos Abal e un de Pachi García, que exerce novamente, como produtor musical.
“Somos afortunados de poder contar con esta artista neste día tan sinalado, e convidamos pois, a todo o mundo a gozar deste Concerto único que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén, que conta ademais co engadido de poder ver a este grupo de pequenos artistas que temos no Concello”, finalizou.